O Plan Xeral de Urbanismo, aprobado pola corporación da Coruña o 10 de novembro de 1984 e pola Xunta en xaneiro de 1985, contiña un catálogo de edificios de interese histórico-artístico. Na ficha 124 figuraba o Asilo de las Hermanitas de los Pobres, construído nuns terreos doados gratuítamente por un grupo de coruñeses, entre eles Adelaida Muro.
A pesares da súa catalogación (a ficha fala de "o seu grande tamaño, singular fachada, edificios en bo estado de conservación, en pleno uso, ben orientado, ten horta e xardín amurado e no centro está a capela gótica...") o inmoble, deseñado polo arquitecto alavés Juan de Ciorraga y Fernández de la Bastida, perde a súa condición de protexido na última revisión do Plan Xeral e os terreos pasan a ser calificados "de uso residencial". E xa zoan os ventos da especulación e fálase dunha oferta de máis de 2000 millóns de pesetas pola parcela de 9090 metros cadrados, onde se construirán pisos de luxo coa bendición do goberno municipal.
O edificio necesitaba unha remodelación. A congregación ten dereito a construir un novo asilo, pero o Concello non pode xustificar a destrucción de patrimonio por supostas "razóns humanitarias". Voces autorizadas non dan crédito. Así, Xosé Ramón Soraluce, catedrático de Arquitectura e académico de Belas Artes, defendeu a súa conservación cuns argumentos que compartimos: "Co mesmo grado de protección que o asilo está a capela neoclásica do cemiterio de San Amaro, o Palacio de Xustiza, as escolas modernistas Labaca, o instituto Da Guarda... Con este procedemento de descatalogación, calquera deles podería desaparecer, dependendo da rendabilidade do solar, naturalmente".
Non se entende cómo o goberno municipal non incorpora a política que en materia urbanística ten definida o Consello de Europa, que indica o tratamento dos edificios singulares dentro das máis escrupulosas normas de protección urbanística pola que se sustenta a concepción ornamental da obra, engadindo á tradicional configuración a súa natureza cultural; xa que logo, o legado arquitectónico é un tesouro do noso patrimonio.
A obra modernista de Ciorraga como arquitecto municipal (1864-1890) e na súa actividade privada ata 1923 (finou na Coruña en 1931) xa foi debastada; desapareceron a praza de touros e edificios onde agora se ubican o Circo de Artesáns, o R.C. Deportivo ou o reconstruído Palco da Música. Pero aínda quedan expoñentes como a Grande Obra de Atocha. O goberno local non pode descatalogar a obra de Ciorraga (fundador do primeiro corpo de bombeiros) que é clave para entender a esencia da cidade. A trascendencia da súa obra merece un respeto e a súa conservación, porque a historia da cidade pode lerse na singularidade arquitectónica dos edificios.
Dada a escasez de prazas en residencias, ¿non sería unha boa alternativa a rehabilitación do edificio por parte da Xunta, mantendo o seu uso? ¿Non podería a Xunta, o Concello ou Deputación financiar a súa transformación en servizos sociais? ¿Non necesita o Concello espacio para oficinas municipais?.