Somos xente preocupada pola configuración do medio ambiente urbano, nos seus aspectos sociais, arquitectónicos e patrimoniais. Somos unha asociación sen ánimo de lucro, plural, aberta e absolutamente independente.
OBXECTIVOS E PRINCIPIOS.
O medio urbano é o noso espacio vital. Constitúe o noso entorno máis inmediato e a súa calidade afecta de xeito directo ás nosas vidas.
Pensamos que a cidade se debe construir á medida das necesidades de quen a habitamos, e non podemos consentir que intereses alleos ós da cidadanía (económicos, políticos, etc...) nos impoñan as condicións do entorno no que vivimos.
O noso OBXECTIVO é democratizar a construcción da cidade, atopar un sistema no que os cidadáns teñamos o poder de decisión, porque non é xusto que as minorías máis poderosas decidan en qué tipo de cidade imos vivir todos.
A cidade é cousa de todos e tense que construir contando con todos. Para conseguir esto precisamos:
- INFORMARNOS sobre os nosos dereitos, sobre a nosa capacidade de organización e de presión como cidadáns, sobre as distintas opcións que existen pra resolve-los problemas concretos e as diferentes implicacións de cada unha de elas.
- FORMARNOS, pra poder comprender o que ocurre e decidir con criterios propios o que queremos que se faga.
- DESENVOLVER e facer efectivos os nosos dereitos, atendento de forma prioriataria ós seguintes:
- Dereito á educación.
- Dereito ó traballo.
- Dereito a unha vivenda digna e axeitada.
- Dereito á protección da saúde.
- Dereito á asistencia e prestacións propias dunha seguridade social pública.
- Dereito a un medio ambiente axeitado, e á conservación e disfrute do patrimonio histórico , cultural e artístico.
(Estes dereitos xa figuran nos artigos 27, 35, 47, 43, 41, 45 e 46, respectivamente, da Constitución Española de 1978).
- Pra defender e facer cumpri-los nosos dereitos como cidadáns é necesario ACTUAR, e enfrentarse ós feitos puntuais nos que se concreta a vulneración dos mesmos.
PRINCIPIOS:
O Colectivo R.U.A. é unha asociación totalmente independente e aberta a tódolos cidadáns.
Os principios que guían a nosa práctica como colectivo son:
- A nosa independencia de decisión e de actuación, garantida pola nosa independencia económica e pola capacidade de traballo e organización dos membros e simpatizantes do Colectivo.
A financiación do Colectivo R.U.A. basease nas aportacións económicas dos membros e simpatizantes.
A aceptación de axudas oficiais e/ou particulares, discútese caso a caso en asamblea, e nunca se aceptan axudas cando éstas poidan hipotecar a nosa capacidade de acción, a cal ten que estar asegurada polos nosos propios recursos.
A nosa relación con outras organizacións sociais e políticas artéllase en plataformas democráticas, independentes e abertas a toda a cidadanía, nas que os obxectivos concretos polos que se traballe están explícitamente definidos.
- Democracia dentro e fóra do colectivo. Os cargos de Presidente, Vicepresidente, Secretario, Vocais e Tesoureiro son nominais e só se consideran a efectos administrativos, non implican de ningún xeito un maior peso nas decisións do colectivo.
- Unidade: A admisión de novos membros faise sempre previa discusión e aceptación do obxectivo e os principios do Colectivo R.U.A.
As decisións tomámolas de xeito asambleario. Todos e cada un somos donos e responsables das decisións do grupo, de forma o máis democrática posible. Procuramos que os acordos se tomen por unanimidade ou, alomenos, có máis amplo consenso, e descartamos sempre a maioría simple. Por eso asumimos que os acertos e os errores do colectivo son de todos e cada un de nós, non de un só de nós nin de alguén alleo ao grupo.
- Por último, o Colectivo R.U.A. é contrario a calquera tipo de militancia violenta, e comprométese a expulsar ós membros que cometan actos violentos ou ilegais no nome do Colectivo.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.