Estimado Director:
Desde o colectivo R.U.A. querémonos facer eco dunha carta publicada neste diario o pasado día 24 de decembro de 1999, baixo o título de "Terrorismo inmobiliario". Nela se denunciaba o xeito criminal de perpetra-la expulsión dos veciños dos barrios da Cidade Vella e Pescaría da Coruña, utilizando métodos de extorsión e intimidación física en contra das persoas maiores que alí viven, co obxecto de que estas non poidan facer valer os dereitos que lles asisten e teñan que marchar do barrio onde pasaron a meirande parte da súa vida.
O proceder das promotoras, sen deixar de ser "criminal" e absolutamente denunciable, é consecuente co seu obxectivo: aproveitarse das condicións favorables e facer negocios multimillonarios.
O que non resulta tan comprensible é que sexan as administracións as que, primeiro crean as condicións legais para que esto suceda, co PXOM e o PEPRI, e despóis, en vez de velar polos dereitos máis elementais de miles de cidadáns, calan e miran para outra parte, sendo complices dos que están a perpetrar o crime. Non se comprende porque son eles os que teñen a responsabilidade de procurar unha vivenda digna a eses miles de cidadáns que, ou ben son expulsados á forza destes barrios cara outros menos apetecidos polas inmobiliarias, ou ben residen en edificios cunhas condicións de habitabilidade infames.
Desde o Colectivo RUA solicitamos da administración a adopción das seguintes medidas para atalla-lo problema:
- primeiro: Paralización inmediata do PXOM e PEPRI.
- segundo: Elaboración dun programa de axudas aos moradores sen recursos que contribúa a vencer a contradicción actual entre propietarios e alugados, trasladando a responsabilidade de procurar vivenda digna á administración.
- terceiro: O asesoramento legal gratuito aos alugados para que coñezan e poidan defender o seu dereito a quedar no seu barrio.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana y Ambiental.