principal presentación infravivenda asilo feáns prensa enlaces contacto

O mellor urbanismo verde.

Texto publicado no boletín da AA.VV. de Atochas - Monte Alto - Torre de Hércules
No número adicado ás festas do barrio, setembro de 2000.


O principal pulmón verde de Monte Alto ven sendo o xardín triangular do Campo de Marte. Unha illa verde e saúdable que se descobre de súpeto no aglomerado urbano do noso barrio. Hoxe é un dos puntos de encontro da xente da veciñanza, xunto co Campo da Leña.

O que hoxe coñecemos como Campo de Marte é o grupo de casas construídas en 1928, pola Sociedade Cooperativa de Casas Baratas, e máis o espacio arborado que queda comprendido entre elas e o colexio Curros Enríquez.

Pero antes diso este sitio foi escenario das prácticas do Rexemento de Cabalería, lugar de axusticiamento público no ano 1863, e a ubicación da segunda praza de touros feita de madeira no ano 1876.

Tamén coñecido como Campo Volante, ou mesmo Campo de Belona, como lle chamou a ilustre escritora Emilia Pardo Bazán, o nome de Campo de Marte alude ás prácticas militares desenvolvidas durante lustros na ladeira sur de Monte Alto.

A explanada, inicialmente, ía ser destinada polo concello para acoller postos de venda, trasladados do mercado que tiña lugar no Campo da Leña, pero finalmente foi ocupada por vivendas económicas cunha praza pública central.

Formouse a Cooperativa de Casas Baratas coa finalidade de construir para os seus 24 asociados unhas vivendas dignas. O 29 de decembro de 1920 o presidente da cooperativa Ramón Maseda Reinante presenta a asociación diante do concello e solicita deste a cesión dos terreos de propiedade municipal para edificar sobre eles as futuras vivendas. O 31 de marzo de 1924 o concello cede os terreos, tras varios pleitos. As obras non comenzarían ata a fin do ano, dándose por concluídas a finais de 1928.

O anteproxecto trazado polo arquitecto municipal Pedro Mariño data do 30 de xullo de 1920, aínda que o proxecto definitivo que hoxe vemos é do ano 1923:

Entre as rúas de Curros Enrríquez e Ramón del Cueto, libérase un espacio triangular do que 8560 metros cadrados serán adicados a xardíns, mentras as casas, semiadosadas, están situadas nos lados limítrofes coas citadas rúas, ocupando unha extensión total de 2796 metros cadrados. Os edificios agrúpanse formando catro mazás de tres parellas de vivendas cada unha. Na parte máis elevada dos terreos, no lado nordés do triángulo, construíuse o centro escolar Curros Enríquez, pechando a arboreda aos ventos.

Cada unha das 24 parcelas ten unha extensión de 116,50 metros cadrados, contendo un pequeno xardín privado e unha vivenda de 11.70 metros de fondo, con baixo e máis un piso con terraza.

O espacio destinado a parque público foi deseñado polo mesmo arquitecto, de forma que estivese circundado de amplas vías laterais e cruzado por outras rúas menores centradas nunha pequena praza circular. Pouco despois de rematadas as obras, a Sociedade de Amigos das Árbores promoveu en 1928 a plantación da vizosa arboreda que hoxe gozamos. As sucesivas campañas foron seguidas masivamente polos colexios, e os nenos acodían xunto cos seus pais a pasar o día de pique-nique. Daquelas os cidadáns estaban moi concienciados do ben que nos fai a presencia abondosa de árbores nas rúas e prazas da cidade.

A situación do parque no interior da única mazá da cidade accesible ó público dalle un carácter recollido, separado do tránsito, óptimo para o paseo e o xogo dos nenos. Tamén é o único lugar do barrio ónde transcorren itinerarios exclusivamente peatonais que conectan entre sí outras rúas de tránsito mixto: por exemplo, pódese ir desde a rúa da Torre deica a avenida de Hércules camiñando a carón do colexio Curros Enríquez, de xeito que moitos veciños disfrutan do parque nos seus percorridos cotiáns.

A orientación sur e a suave inclinación do terreo favorece tanto un bo soleamento como o control visual do conxunto do parque. A existencia de numerosas árbores, ben desenvolvidas e de diversas especies (metrosideros, chopos canadianos, olmeiros, etc.) xunto coa especialísima arquitectura que limita esta zona verde fan do Campo de Marte o mellor exemplo de urbanismo residencial de baixa densidade que podemos atopar na cidade da Coruña, dándolle unha boa solución espacial ás necesidades de vivendas económicas, de zonas verdes, e de dotacións escolares públicas.

Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana y Ambiental.


principal presentación infravivenda asilo feáns prensa enlaces contacto