A nosa postura como colectivo non difire da que entendemos que se lle pode esixir a calquera cidadán, ou a calquera técnico.
Precisamos organizarnos como grupo de presión, que é a única forma de poder mobilizarnos en defensa dos nosos intereses.
A nosa postura como técnicos é poñernos ó servicio das víctimas deste proceso, que son sobre todo os veciños da Cidade Vella e a Pescaría da Coruña.
Quen temos unha formación universitaria pertencemos a unha elite do noso pobo, e a nosa obriga ética é poñernos en función dos intereses do pobo que nos ten sufragado esa formación co seu esforzo.
Antes da Revolución dos Caraveis, na Escola de Arquitectura de Oporto especulábase coas posibilidades de transformación social e urbana, novas formas de facer arquitectura social etc. que se poderían poñer en marcha cando chegase a democracia a Portugal. Cando, despois de abril de 1974, puderon baixar da Escola falar coa xente e propoñerlles as súas ideas tan asentadas, atopáronse que nada diso lle interesaba á xente, o que precisaban eran os seus coñecementos de construcción pra resolver os pequenos problemas de humidades, falta de illamento, xanelas que non pechaban, etc.
Problemas sinxelos, pero que os arquitectos da escola de Oporto non tiveran tempo de estudiar, ocupados como estaban en meditar sobre as grandes cuestións. Despois deste choque cultural, ós arquitectos portugueses non lles quedou outra solución que estudia-los sistemas constructivos e ser capaces de resolver aqueles problemas que a xente da rúa lles demandaba.
Fronte a isto hai unha serie de actitudes que hai que erradicar.
O técnico vive da súa forza de traballo, está inmerso nun mercado laboral, pero o seu lugar non é soamente ese. Debe cumpri-las funcións de activador social, cun papel propositivo activo, e non traballar só por encargo da élite cultural ou económica.
A Escola de Arquitectura está nunha situación
idónea pra cumprir esas funcións, pero pra iso cómpre que a orientación que segue cambie radicalmente.
Ó noso pobo no lle serven de nada os arquitectos-estrela, pero os planos de estudos están orientados a producir un fato de arquitectos exitosos que destacarán por riba dunha morea de arquitecturas ruíns.
É común enfocar esta situación dende un punto de vista "esteticista", dende onde se ve o tema da infravivenda na Cidade Vella e Pescaría soamente como un problema de destrucción do patrimonio e de perda da memoria histórica.
Estes problemas existen, son graves, e a dirección que segue agora o proceso de reedificación do barrio non os resolve. Pero o punto de vista "esteticista" leva a un pobre segundo plano o problema principal, que é o das persoas que viviron sempre no barrio e que tiveron ou terán que abandonalo, ou, peor aínda, o de quen non ten opción de acceder a unha vivenda digna.
Infravivenda e centro histórico. Sumario.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.