O factor máis importante de tódolos que orixinan esta situación de infravivenda e infracidade é, no caso da cidade histórica, a relación servil entre o poder político e o poder financeiro. É o máis importante porque é unha relación doada de romper, con só invertir a correlación de forzas dentro do sistema democrático. Precisamente esta posibilidade de alterar a situación fai que sexa máis aguda a inxustiza que cometen quen se ven favorecidos por ela.
Esta relación triangular explícase deste xeito:
- Os bancos dan créditos ás inmobiliarias, que lles serven de canle pra facer investimentos máis que rendibles.
- A banca financia as necesidades dalgúns sectores políticos pra poñerlles doada a chegada ó poder. De igual modo, dificúltalles a outros grupos políticos as condicións de financiamento dos seus gastos electorais.
- Unha vez conseguida a maioría necesaria de votos, están lexitimados para promover aquelas operacións inmobiliarias nas que a banca ten postos os seus intereses.
O político no poder é cómplice da especulación. Controlar a política urbanística no municipio significa ter o control indirecto de moitos outros sectores.
Hai que engadir que este esquema existe porque na administración municipal coruñesa, o mesmo que ocorre en tantas outras cidades, non existe unha xestión minimamente democrática. Calquera control popular entre unhas eleccións e outras desmantelaría o negocio.
Nesta tesitura, os documentos de planeamento urbanístico sérvenlle ó concello coruñés de coartada pra darlle canle á especulación, ó lexitimar a relación entre o poder político e a banca.
Esta relación, na que o cidadán non ten a posibilidade de intervir coa súa decisión, é unha relación perversa, pero non é a única posible.
Infravivenda e centro histórico. Sumario.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.