Entendemos que no centro da Coruña hai infravivenda, e que se trata dun fenómeno colectivo e socioeconómico. No caso dos barrios coruñeses da Cidade Vella e da Pescaría, a orixe das situacións de infravivenda está na posición céntrica que ocupan na cidade, da que nacen os fenómenos especulativos que rompen o equilibrio entre o uso dun edificio e o seu mantemento.
Para podermos falar de situacións de infravivenda con obxectividade hai que aclarar qué cualidades se lle esixe a un espacio para que sexa habitable. Este establecemento de esixencias non debe estar necesariamente condicionado polos mínimos de habitabilidade que marcan as leis.
Por riba de calquera lei está a Constitución Española de 1978, que recoñece pra tódolos cidadáns o dereito a unha vivenda digna.
Compre non confundir as condicións da infravivenda na cidade histórica coa situación dos asentamentos de chabolas. A natureza dun e outro son ben diversas: situacións socioeconómicas distintas e coa súa propria orixe.
- Na cidade histórica os afectados son persoas que viviron sempre no barrio, e que padeceron o deterioro do lugar no que viven; á diferencia dos barrios de chabolas, que nacen como asentamentos novos e con habitantes que chegan de fóra.
- Na cidade histórica os afectados teñen algún dereito legal adquirido sobre o lugar que habitan, ben sexa por propiedade ou por aluguer, mentres que os chabolistas adoitan estar ocupando terreos alleos sen o permiso do seu propietario.
- Os asentamentos chabolistas non contan practicamente con ningún tipo de urbanización, servicios urbanísticos nin equipamentos. A cidade histórica, pola contra, conta con eles. Os edificios dotacionais singulares adoitan instalarse case sempre no centro histórico.
- O caserío residencial na cidade histórica está formado por edificios de calidade boa ou notable que, nalgúns casos, co paso do tempo e a falla de conservación, deterioráronse ata non seren xa axeitados para vivir neles.
Nos asentamentos chabolistas atopamos case exclusivamente vivendas precarias, que nunca puideron ser consideradas vivendas dignas.
En definitiva, a infravivenda na cidade histórica nace como resultado de presións especulativas.
Os veciños dos barrios antigos non contan, na maioría dos casos, cunha organización que defenda os seus intereses como colectivo. Os habitantes dos barrios de chabolas amosan unha cohesión moito maior, inherente ó grupo étnico-social ó que pertence a maioría. Entendemos que a organización da mobilización veciñal en defensa dos seus dereitos é a única solución posible ó problema da infravivenda na cidade histórica.
Por outra banda, calquera movemento nesta dirección non faría máis que esixi-lo cumprimento dun dereito recoñecido pola Constitución de 1978, que é o dereito á vivenda, e que hoxe se incumpre por sistema, colocándoo por baixo doutro dereito non tan elemental como é o dereito á propiedade privada. Esto é así porque atentar contra o dereito á propiedade sería atacar a orde establecida, mentras que incumprir o dereito á vivenda, ó traballo, á asistencia sanitaria, á educación, non pon en perigo esa orde. A esixencia destes dereitos non nos interesa só por unha arela de facer cumpri-lo escrito na lei, senón tamén, e sobre todo, por un principio de xustiza. Isto non ten nada que ver con ser solidarios con quen non ten unha vivenda, un posto de traballo ou unha educación.
Producto deste mesmo fenómeno socioeconómico, que orixina situacións de vivenda non apta para ser habitada, aparece outro fenómeno que damos en chamar infracidade, e que sería unha situación na que o espacio público deixa de estar disposto para disfrute dos cidadáns. Intereses económicos alleos ós veciños aprópianse das rúas e prazas, que deixan de ser espacios optimizados para satisfacer necesidades de circulación, iluminación, ocio, etc., e convértense en extensións dos negocios dos particulares.
O poder municipal tamén intervén neste xogo, deixando de presta-los seus servicios nalgúns lugares para favorecer determinados intereses financeiros, ou investindo cartos públicos noutros sitios para favorece-los seus propios intereses políticos.
Infravivenda e centro histórico. Sumario.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.