Conscientes do valor patrimonial e da función social do edificio do asilo, os sucesivos documentos de planeamento que tiveron por obxecto a zona sempre o incluíron como edificio singular, e a parcela foi excluída sistematicamente do proceso de edificación e excluída do mercado inmobiliario a partir da súa declaración como equipamento. O Plan Cort (1945), o primeiro intento dun Plan Xeral de Urbanismo para a cidade da Coruña, respecta o edificio do asilo e a maior parte da parcela que rodea, singularizándoa cun tratamento específico de área verde ou libro, ao igual que o campo de Marte, o campo da Leña ou a beira litoral do Paseo Marítimo.
O edificio do asilo e a parcela que o rodea, xunto co campo de Marte, constitúen as dúas únicas zonas verdes do trazado debuxado por Cort na ladeira sur do barrio de Monte Alto. Na ladeira norte, a construcción do cemiterio foi determinante para o trazado da nova "estrada'' de Orillamar, situada na cota intermedia entre o vello camiño da beira litoral e o camiño á Torre no crinal da península.
O asilo de anciáns vai ser determinante para o trazado e apertura da rúa de Adelaida Muro, tamén situada a media ladeira sobre o sendeiro litoral que discorre por riba da praia da Berbiriana e a Vereda do Polvorín.
O camiño á fonte de Monte Alto será a preexistencia que na súa desembocadura vai servir de referencia para o trazado da nova "rúa" que en 1888 se abre co obxecto de permitir a construcción dun edificio destinado a asilo.
Rexeitado o Plan Cort, redáctase un novo documento por Pablo Iglesias Atocha e Jacobo Rodríguez Losada que, aprobado no ano 1948, constituiu o primeiro Plan urbanístico de ámbito municipal. Trátase do Plan Xeral de Alineacións, documento que estará vixente durante vinte anos (1948-1969) e que marcará as grandes liñas do crecemento urbano da cidade da Coruña.
O Plan Xeral de Aliñacións de 1948 inclúe o asilo na denominada Área Interior e, aó igual que no Plan Cort, aparece debuxado como edificio singular, tanto a propia construcción como unha parte importante da parcela que o rodea, que se organiza a modo de espacio libre axardiñado.
No ano 1963, e a iniciativa do Ministerio da Vivienda-Instituto Xeral de Urbanización, Santiago Rey Pedreira redacta o Plan Parcial de Ordenación do Polígono de Zalaeta, do que un dos obxectivos é o "...saneamiento de la zona dotándola de una edificación moderna que reúna todas las condiciones de higiene, salubridad y confort".
Os terreos do asilo, xunto co propio edificio, inclúense no ámbito do Polígono que está delimitado ao norte pola rampla do Matadoiro e a rúa Adelaida Muro. Na Ordenanza 11º, referida aos aspectos de Estética y Composición General, dise: "Asimismo se conservan los edificios que prestando un servicio social reúnen características de modernidad y calidad de construcción apreciables que no aconsejan su demolición. Así ocurre con las obras de nueva planta e iglesias de los PP. Salesianos y Asilo de Ancianos Desamparados, señaladas en el Plano Parcelario con los números 73 y 116 respectivamente, respetándose a ésta un espacio mínimo de huerta que cubra las necesidades de recreo y descanso de los asilados".
A zona sur da parcela respéctase, ao tempo que se destina unha parte importante da parcela a espacio libre: as razóns esgrimidas refírense tanto a cuestións sociais como especificamente arquitectónicas: modernidade e calidade de construcción.
En todo caso, o Plan Parcial do Polígono de Zalaeta é o primeiro documento especificamente urbanístico que fai referencia explícita ao asilo de anciáns, valorando positivamente as súas características constructivas e arquitectónicas, argumentos estes que desaconsellan a súa demolición.
O Plan Parcial de Zalaeta incorpora, dalgún xeito, o edificio e o solar do Asilo ao sistema de equipamentos e zonas libres do barrio e da cidade, ao tempo que fai referencia aos valores estéticos e tecnolóxicos do edificio. Esta actitude é tanto máis valorable nunha época caracterizada polo derribo masivo de importantes edificios de indubitable valor arquitectónico e histórico, como é o caso do propio Hospital da Caridade (edificio de fins do XVIII) situado a 250 metros do emprazamento do Asilo, na veciña rúa do Hospital.
Este interese cultural e social amparouse no Plan General de Ordenación Urbana de 1968, redactado por J.A. Corrales, J.R. Vázquez Molezún e J. Pagola e, que como Revisión do Plan de Alineaciones de 1948, é o segundo gran Plan Urbanístico de ámbito municipal.
O Polígono de zalaeta incorporouse ao Plan na súa totalidade, dentro da zona Z-7. O edificio do asilo quedou así excluído da voráxine especulativa da década dos setenta.
O carácter singular do edificio do asilo e a súa valoracióm como parte do patrimonio arquitectónico e urbano quedará incorporada aos valores defendidos desde a primeira Corporación Democrática, que o unirá progresivamente aso documentos de planeamento.
Primeiro, a través do Precatálogo de edificios e conxuntos a conservar, aprobado nos anos 1979-1980, no que se facía referencia explícita ó edificio como parte integrante do Patrimonio Cultural que a nova administración democrática consideraba debía ser protexido do libre mercado que rexe as regras do xogo do sector inmobiliario.
O Precatálogo de Protección e Conservación do Patrimonio Histórico Artístico da Coruña foi unhas das primeiras iniciativas adoptadas polo novo goberno municipal apenas dous meses despois de celebradas as primeiras eleccións democráticas, na sesión do 27 de xullo de 1979. O documento redactado por J. González-Cebrián Tello sería aprobado pola Corporación o cinco de agosto de 1980.
O Asilo de Anciáns, na rúa Adelaida Muro era un dos 17 edificios ou conxuntos que fóra dos recintos tradicionais (zona monumental da Cidade Vella, Pescadería e Ensanche) reunía as características necesarias para ser incluído na relación aprobada.
Este proceso liderado pola Administración, de marcar feitos que fagan visibles os novos "valores'' no proceso de construcción da cidade, singularizando e destacando a través do planeamento os referentes representativos dunha maneira culta de construír a cidade fronte á barbarie da especulación inmobiliaria, terá o seu punto culminante no Plan Xeral Municipal de Ordenación Urbana, redactado polos Servicios Técnicos Municipais baixo a dirección de José González-Cebrián Tello que, aprobado inicialmente pola primeira Corporación Municipal democrática, sería aprobado definitivamente no ano 1985.
O Plan Xeral Municipal de Ordenación de 1985 incorpora un documento novidoso no planeamento: "Catálogo de Edificios e Conxuntos a conservar".
O Asilo de Anciáns figura catalogado na ficha número 124, cun nivel de Protección de carácter estructural, nivel de protección que abrangue "...edificios en los que interesa conservar integramente su fachada, patios interiores y elementos estructurales y tipológicos básicos", entre os que se inclúen: Edificios del siglo XIX y principios del XX de notable o media calidad de deseño y construcción que, habiendo sufrido transformaciones o no, conservan en gran medida sus características fundamentales.
Edificios singulares del siglo XIX y principios del XX y principios do XX que, aún siendo de menor calidad de diseño y construcción, intensa favorecer su conservación por su valor urbano como hito o punto de referencia en la ciudad".
Esta consideración do asilo como edificio catalogado implicaría que nel só se poderían realizar obras de consolidación, restauración, reforma interior por rehabilitación ou reutilización do edificio, estando prohibido en todo caso o derribo do mesmo agás para substituír corpos ou elementos engadidos que desvirtuaran o edificio orixinal.
Pero ademais, O Plan Xeral Municipal de Ordenación Urbana de 1985 introducía o solar e o edifico do asilo dentro do Sistema de Equipamentos reflectidos no Plan.
Á valoración cultural-arquitectónica engdíase así unha nova dimensión, que convertía a peza edilicia nun referente urbano de primeira magnitude nun barrio que, se por algo se caracterizaba, era polo déficit crónico dos equipamentos e dotacións ao servicio da poboación.
O conxunto da illa que no século XIX fora dedicada a Matadoiro e Asilo estaba destinada a equipamentos /exceptuando un pequeno solar na esquina da rúa Curros Enríquez-Adelaida Muro). O Matadoiro, o Asilo e o equipamento escolar da parte sur da parcela do Asilo configuraban unha gran bolsa de Equipamentos para un barrio outrora periférico que se poboaba rapidamente na década dos 70 e dos 80.
Os valores especificamente arquitectónicos dos edificios do Asilo e do Matadoiro, como referentes tipolóxicos cultos dos equipamentos decimonónicos da cidade burguesa, eran incorporados ó patrimonio da cidade do futuro, abríndose a posibilidade de facer compatibles Historia e Cidade a partir da reutilización e da rehabilitación dos edificios.
Na segunda metade da década dos noventa iníciase a revisión do Plan Xeral de Ordenación de 1985 que, exposta ao público, rematará coa aprobación do novo Plan polo Pleno Municipal o 19 de outubro de 1988 o documento foi redactado pola empresa dirixida polo arquitecto Enrique Porto Rey. Será neste breve período entre decembro de 1997 e outubro de 1998 cando se produza o cambio de criterio defendido polas administracións municiapais progresistas durante os últimos trinta anos; hai dous momentos fundamentais no proceso.
Aprobado inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Urbana en 1997, procédese á exposición pública do documento, que se celebra durante o mes de decembro dese ano. O documento exposto ao público segue a manter a consideración do Asilo de Anciáns e da súa parcela como Equipamento de carácter Asistencial, AS(PV), e mantén a consideración de edificio a protexer, incluíndoo no catálogo de edificios coa ficha número 124.
Con anterioridade a estas datas, no ano 1985, tíñase procedido ó derribo do antigo Matadoiro, que foi substituído por un edificio destinado a apartamentos e hotel de luxo.
Contrariamente co exposto ó público, o documento aprobado definitivamente ía modificar radicalmente a valoración do edificio do Asilo e da súa parcela, retrotraendo a práctica urbanística municipal a 40 anos antes.
O Plan aprobado modificaba a valoración arquitectónica do edificio do Asilo, ao tempo que procedía a un cambio de clasificación da parcela.
O edificio descatalogábase e, polo tanto era suceptible de ser derribado. O solar sobre o que se levanta pasaba da consideración de Dotación-Asistencial destinado a un equipamento colectivo, a ser clasificado como solo urbano de uso residencial.
O solar inclúese na Área de Reparto AR-G4.01. A superficie do terreo é de 9.090 metros cadrados (aproximadamente unha hectárea), na que se prevé unha edificabilidade de tres metros cadrados por metro cadrado, dos que serían susceptibles de aproveitamento privado 25.020 metros cadrados, o que significa unhas 250 viviendas de 100 metros cadrados por vivenda. A densidade da parcela alcanza, polo tanto, máis de 250 viviendas por hectárea, cifra escandalosa se temos en conta a elevada densidade do barrio de Monte Alto, o seu déficit de equipamentos e zonas verdes, e por último, a reducida dimensión (10 metros de ancho) da rúa Adelaida Muro, que pasaría a soportar un edificio de 20 metros de altura.
Descatalogación do edificio e Recualificación do solo aparecen ligadas nun acto político-administrativo de consecuencias urbanísticas significativas, e forman parte dunha práctica que nos suxire polo menos varios interrogantes:
¿Tería sentido a descatalogación do edificio do asilo sen a recualificación do solo e seguir a mantelo como equipamento? E viceversa: ¿Tería sentido manter o edificio como catalogado e protexido e proceder a reclasificar o solo como uso residencial, admitindo novos usos no contenedor do edificio?
¿Por que causas os valores arquitectónicos do edificio e a súa consideración como parte do patrimonio edificado da cidade da Coruña entran en quebra ó longo do ano 1998? Parece evidente que a descatalogación do edificio se realiza á marxe dos seus valores intrínsecos como obra de Arquitectura, como referente tipolóxico único na Arquitectura Asistencial do S. XIX.
Estes valores detectados ó longo dos documentos de planeamento foron obxecto de protección no Precatálogo de 1983 e no Catálogo de 1985. Nada indica que se tiveran modificado nos derradeiros 15 anos. Todo parece indicar que son razóns alleas ós valores arquitectónicos e culturais presentes no edificio do asilo as que emerxen tralas presións e as posteriores decisións municipais para a súa descatalogación.
Este trámite semella non ser máis que unha condición previa para conseguir o obxectivo final: A apropiación privada e exclusiva de solo a partir da súa recuación como solo Residencial.
A descatalogación, preséntase así en derradeira instancia, como un trámite necesario que permita incorporar o solar no que se ergue o edificio (9.000 m2 no centro da Cidade da Coruña) ó libre mercado inmobiliario.
Unha vez liberado polo Goberno Municipal de todo o recoñecemento dos valores de carácter cultural e social, que actuaron como infranqueable barreira fronte á especulación inmobiliaria, ábrese un novo esceario no que os operadores urbanos de sempre representan unha obra xa coñecida.
Só unha instancia competente na defensa do Patrimonio Arquitectónico poderá situar no lugar que lle corresponde a un edificio con valores tipolóxicos, arquitectónicos e culturais que están fora de toda dúbida, e que a sua perda sería irreparable para o patrimonio arquitectónico da cidade da Coruña e para o patrimonio cultural galego en xeral.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.