principal presentación infravivenda asilo feáns prensa enlaces contacto

O escritor Miguel Anxo Fernán-Vello fixo unha viva defensa do asilo de Adelaida Muro no pregón que abríu as festas do barrio de Monte Alto, algúns membros do Colectivo R.U.A. presenciaron o acto inaugural das festas e foron testemuñas de cómo os aplausos dos veciños interrompiron en varias ocasións o discurso do pregoeiro cando este se referíu ao lamentable asunto do asilo.

De seguido transcribimos integramente o:

PREGÓN DAS FESTAS DE MONTE ALTO 2000

Miñas queridas e queridos veciños de Monte Alto, coruñesas e coruñeses, galegas e galegos, amigas e amigos doutras terras que aquí estades: este lugués, de Cospeito, da Terra Chá, que leva vivindo na Coruña xa vai para 30 anos, séntese hoxe, aquí e agora, moi honrado e moi ledo podendo dirixirse a vós para pór coa palabra o primeiro alento entregado a estas festas veciñais e coruñesas que nacen arestora nesta Praza do Mercado e que, miren vostedes por onde, son as derradeiras do milenio: estas festas do Monte Alto coruñés que se caracterizan, entre outras cousas, por seren populares e participativas, abertas á ledicia de todos, vivas como o rexoubeo das brisas na Torre, cando o verán xa leva o corpo ben medrado e a luz dos días torna agora a ser máis entrañábel quizais para os coruñeses que viven neste "barrio alto", neste monte herculino que domina a cidade.

Sabido é que un dos simbolismos máis profundos do monte é aquel que lle outorga carácter sagrado, sendo así que o monte se converte en "centro" do mundo, en lugar do ser, en patria da raíz. Ninguén dubida que o Monte Alto coruñés é un "centro privilexiado" da cidade: perfecto para percibir o seu pálpito vital e para observar o seu carácter de urbe que se funde co mar nunha aperta interminábel. E é o Monte Alto tamén lugar do ser coruñés, patria dunha raíz coruñesa que ten esencia popular e mariñeira, artesán e traballadora, a parte sen dúbida máis nobre do pobo coruñés, aquela que leva o mar e o traballo fundidos no sangue e que sabe celebrar a vida ao completo nas súas festas, sexa no Antroido libertario e liberador, sexa nestas festas do verán que acenden de novo o corazón cando xa María Pita se retira e entra en acción a familia de Hércules, máis espontánea e rebuldeira, máis autóctona e resistente, menos encorsetada e institucional.

As festas de Monte Alto fenden o maduro verán coruñés e proclaman coa súa luz comunal e co seu botarse cara adiante -a toda máquina, como nave que inicia nova singradura- outra enerxía, outra ledicia, outra valentía de sermos como somos, orgullosos de nós e do noso, loitadores polo xusto e sabios "diplomáticos" que coñecen e practican o amor a unha terra e a unha identidade que está impresa e viva para vós na música galega destas palabras que xenerosamente atendedes e escoitades.

Permitídeme que aproveite a ocasión, aquí na Praza do Mercado de Monte Alto, para afirmar unha vez máis, como veciño voso que eu son, o meu amor e o meu agradecemento a esta cidade da Coruña que marcou e marca a miña vida de xeito penso que definitivo, tal como me enriqueceu e me enriquece na dimensión humana e afectiva, convivencial, e tal como me posibilita levar a cabo a miña actividade literaria, cultural e profesional que se afianza no día a día nesta querida capital do mar e do vento que vai dentro de nós e da que formamos parte con lexítimo orgullo.

E por iso mesmo, polo fondo amor que lle profeso á Coruña, eu quero ver -permítanme que así o exprese- a miña cidade aberta ao mundo, primeiro onde o mundo se chama Galicia, unha das terras máis fermosas de Occidente, unha das vellas nacións que deu Europa, onde se fala idioma que foi de antigos labregos e mariñeiros e tamén de reis e de prelados, idioma noso, culto e moderno, tesouro que nos legou o xenio popular e a intelixencia da humanidade. Eu quero ver, se me deixan, unha Coruña galega e universal; non unha "fotocopia" manipulada ou inventada dunha cidade vestida con traxe ampuloso mercado nunha gran superficie allea e sen alma.

Eu quero, amigas e amigos, unha Coruña -¡ai, cando iso chegue!- social e solidaria, xusta para os de dentro e os de fóra, que procure o benestar e a felicidade dos seus veciños todos, barrio a barrio, sen distingos -saúde, cultura, deporte, espacios verdes, calidade de vida, infraestructuras e equipamentos, dotacións...: cidade moderna e democrática, onde o público non se vexa abatido irreversibelmente polo negocio, tantas veces interesado e obsceno, do privado.

Meus queridos veciños e amigos de Monte Alto, coa vosa indulxencia, non podo deixar de facer mención aquí, seguindo o fío do que digo, ao que vén ser xa, segundo todos os indicios, a crónica da desaparición anunciada do Asilo de Anciáns sito na rúa Adelaida Muro, en pleno pulmón do barrio de Monte Alto orientado ao luminoso e entrañabel Orzán. Destruir, derrubar tan emblemático e fermoso edificio, todo un século de historia, tanto no plano da arquitectura civil e de uso público como no propiamente social e asistencial, semella, como mínimo, un grave atentado material dirixido contra o patrimonio histórico-artístico e arquitectónico coruñes. A memoria da cidade, os seus logros estéticos, éticos e humanos, tamén se defende e se universaliza conservando e protexendo a beleza que perdura no tempo e respectando as estructuras solidarias e cívicas que puxo en pé a cidadanía. A desaparición do Asilo de Adelaida Muro, dedicado desde hai cen anos á atención de anciáns e desamparados e creado gracias ás doazóns realizadas por moitas e moitos coruñeses -entre eles a propia Adelaida Muro-, é un golpe que sofre de cheo o corazón solidario coruñés. Constrúase outro asilo, constrúanse os asilos que fagan falta -que fan moita falta, por certo- e paralícese a especulación capitalista que só persegue o beneficio privado a costa de empobrecer o patrimonio cultural e social público.

Mais, queridas veciñas e veciños, pasou Agosto mollado e grisallo de máis, entrou Setembro que promete ventureiro un sol vivo e radiante aos ollos -póñanlle velas aos deuses do clima, por se acaso- e vai comenzar a nosa festa, a festa que nos une e que nos identifica, a festa de Monte Alto do ano 2000. Non debe esquecer ninguén que a vida é limitada e que todos temos dereito a experimentar o pracer de vivir, en liberdade, sentindo todo o gozo posíbel. Polo tanto, amigas e amigos, vivide e sentide, procurade a paz e a felicidade: todo o gozo na terra, que é o que temos, vemos e tocamos todos os días. En definitiva, a festa é celebrar a existencia, o feito marabilloso da vida en nós. Celebremos, pois, a festa privada e colectivamente, e teñamos aberta sempre a porta da amizade, do diálogo, da xenerosidade, da comprensión mutua, da solidariedade.

Vaian para todos vós, que estades aquí a me escoitar con tanta magnaminidade, os meus mellores desexos de longa vida en plenitude, á par que o meu compromiso persoal con todo canto aquí dixen. E máis agora, despois da honra que me fixestes elixíndome como pregoeiro, para, con estas palabras miñas, ás que lles poño xa un ramo verde, sinalar o comezo das Festas de Monte Alto do ano 2000.

¡Vivan as festas de Monte Alto!

¡Viva A Coruña!

¡Viva Galicia!


Miguel Anxo Fernán-Vello

A Coruña, 1 de setembro de 2000

principal presentación infravivenda asilo feáns prensa enlaces contacto