DESCRICION DO ASILO.

Xosé Lois Martínez Suárez.

Nome do edificio: Asilo de Ancianos Adelaida Muro
Situación: Rúa Adelaida Muro 1. A Coruña
Arquitecto: Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida.
Época de construcción: 1888-1903. Existen varias ampliacións posteriores que afectan fundamentalmente a engadidos na parte traseira, no lateral esquerdo e a elevación dun baixo cuberta no volumen principal.

[Descrición do edificio]
O edificio principal, con planta en forma de T, conta na actualidade con catro plantas de altura.
Soto (que se sitúa baixo a rasante da rúa Adelaida Muro e ocupa, pois, a parte oriental e sur do inmoble):
Planta baixa situada á cota da rúa Adelaida Muro.
Planta primera.
Planta baixo cuberta (que ocupa a parte central do inmoble e o baixo cuberta da ala este).
Ademais do edificio principal, engadiuse no lindeiro oeste da parcela e na zona sur toda unha serie de dependencias de servicios (garaxe, lavandería, secadeiro, almacén) sen interese algún, que ocuparon progresivamente parte do terreo libre que rodeaba a edificaicón por ambos lados.

O volume principal organízase de acordo con criterios de funcionalidade estricta destinando as diferentes plantas a usos específicos:
Planta soto: aínda que baixo o altar se sitúa a cripta na que xaz sepultada Adelaida Muro o centro da planta está destinada a almacén, servicio de calefacción, zonas de recreo e baño.

Planta baixa: con acceso directo desde a rúa Adelaida Muro e na que se sitúan as áreas de recepción, visitas e a capela. Nas dúas alas laterais cólocanse enfermerías de homes (este) e mulleres (oeste), na parte posterior están as zonas de comedor, estancia etc. orientadas cara ó sur.

Planta primeira: adícase na súa totalidade a habitación (individuais, dobres ou coletivas) cunha estricta separación de espacios destinados a residencia de mulleres (a la este e fachada este do volume central), e homes (fachada oeste do volume central). A comunidade de clausura sitúase no corpo central, estando destinada a ala oeste a zona de hóspedes e oratorio.

Planta baixo cuberta: adícase a habitacións destinadas á comunidade así como a residencia de anciáns, todo na parte sobreelevada do volume central. Sobre a ala este dispónse un baixo cuberta destinado a residencia de mulleres.

[O volume do edificio principal]
Volumetricamente o edificio do asilo é un prototipo único na cidade da Coruña da tipoloxía asistencial que xurdíu na Europa do século XIX: Un volume central que avanza ata a aliñación coa rúa Adelaida Muro ó longo de 32 metros de lonxitude de fachada prolóngase en profundidade ata 46 metros, levantándose sobre o terreno e conformando un soto, planta baixa e piso primeiro.

Dous volumes laterais iguais adosados a el e retranqueando 4 metros respecto da aliñación principal. Cada un deles ten unha lonxitude de 28 metros e un fondo de 12 metros.

E estas tres pezas, o volume central e as dúas naves laterais a el adosadas conformando un gran 'T' que na súa volumetría e disposición interior pon en evidencia a existencia dunha idea unitaria na elaboración do proxecto por parte do seu autor, Juan de Ciórraga e Fernández de Labastida.

[O volume central]
O volume central domina a organización do conxunto.

Unha gran peza de forma cadrada cunha dimensión de 32 metros por 32 metros constitúese no centro da composición da planta.

No seu interior, nun cadrado de 16 metros por 16 metros, disponse a capela en forma de cruz baixo a que (no soto) se encontra a cripta na que xace enterrada Adelaida Muro.

Tres grandes naves (dúas de 24 metros por 8 metros e unha de 32 metros por 7 metros) en forma de 'U' abrazan o espacio sagrado da capela que queda así convertido no gran espacio simbólico central en torno ó que xira todo o conxunto do edificio benéfico. A caridade cristiá que está na orixe do labor humanitario das 'Hermanitas de los Ancianos Desamparados' e da iniciativa filantrópica de Adelaida Muro e Juan de Ciórraga e outros representantes da burguesía coruñesa da época, encontra unha representación espacial e simbólica precisa na distribución planimétrica do asilo.

A regularidade xeométrica dos grandes muros de mampostería realizados a escuadra, paralelos e perpendiculares á aliñación da rúa, só se rompe no singular trazado da ábsida do altar que adopta unha forma trapezoidal enfatizando o lugar do sagrado por excelencia.

As tres alas do 'U' que rodean a capela van ser destinadas orixinalmente a usos diferenciados:

Na planta baixa, a ala lonxitudinal que dá fronte á rúa Adelaida Muro e que se sitúa na aliñación da rúa estaría dedicada a zonas de acceso e administración, sería pois un elemento de corte ou de barreira entre o espacio público da rúa e as outras zonas. Desde o vstíbulo de entrada no centro da planta tería acceso directo á capela, o que nos explica tamén a vontade de converter a igrexa do asilo nunha igrexa do barrio, xa que ata ese momento non se dispoñía de ningunha nesa área de vivendas obreiras.

Mentres o acceso á igrexa se establece directamente desde a rúa a través do vestíbulo, para alcanzar as naves de estancias e as salas de dormitorios, precisarase un percorrido a través de corredores (a dereita e a esquerda), o que permitía un mellor control da accesibilidade ó persoal encargado da vixilancia de entrada e saída do edificio.

As naves adosadas á capela nos seus dous laterais estarían seguramente destinadas a zonas de estancia para os anciáns: comedores, etc... de aí que o número de ocos quede reducido ós indispensables. A través destas naves accederíase ás escaleiras de subida á primeira planta que se sitúa baixo os brazos da cruz da capela, unha disposición que fai posible que desde a planta superior de dormitorios os anciáns poidan acceder directamente á igrexa logo de baixar as escaleiras.

A planta superior deste volume central reproduciría de novo a orde global:

O baleiro sobre a capela (de dobre altura) no centro da composición.

As habitacións das monxas ocupando a fronte da fachada principal e dando sobre a rúa.

As naves laterais adosadas á igrexa destinadas a homes e mulleres respectivamente e rematadas (ó igual que na planta baixa) nos respectivos aseos.

[Os volumes laterais. O recuamento]
Adosados ós lados do volume central dispóñense dous volumes laterais exactamente iguais que conforman as alas do gran T que se debuxa na planta do edificio.

Nestas dúas alas laterais, Juan de Ciórraga adopta unha singular estratexia co obxecto de romper a que puidera resultar excesivamente longa fachada do edificio procedendo a recualas 4 metros respecto da aliñación do volume central. Deste xeito, o que sería unha fachada continua de 90 metros de lonxitude, queda separada en tres fragmentos de 32 metros (o central) e 28 metros (os dous laterais).

Este desprazamento cara atrás dos douss grandes volumes laterais permítelle ó arquitecto conseguir unha nova situación na que aparecen unhas grandes franxas de separación coa rúa de Adelaida Muro. Unha separación que vén xustificada non só desde un punto de vista plástico ou estético, senón tamén dende un punto de vista funcional.

Por unha parte, estes volumes albergarían no seu interior grandes salas destinadas a naves-dormitorio e salas de enfermería que precisarían, en todo caso, dunha maior tranquilidade e, polo tanto, dunha separación da rúa que se ben nese momento non debía de ser moi buliciosa, Juan de Ciórraga prevé o carácter de rúa urbana que tería nos anos seguintes. Un segundo aspecto que permite o recuamento é a aparición dun patio inglés ó longo da ala oriental aproveitando o gran desnivel do terreo, o que posibilitará un mellor aproveitamento do soto situado baixo esa ala ó beneficiarse da posibilidade de ventilación e iluminación directa.

Por último, un terceiro aspecto, referido a cuestións de control dos internados: a banda de separación de 4 metros de anchura impediría que as grandes ventás das salas da planta baixa e da planta primeira deran directamente sobre a beirarrúa, e polo tanto, dotarían o asilo dunhas mellores condicións de seguridade e control. Condición de seguridade que se reforza coa construcción dun muro de cantería con balaustrada que alcanza uns 2 metros de altura.

[Dormitorio e separación de sexos]
A separación das naves en dous volumes está xustificada desde un punto de vista de funcionamento co obxecto dunha separación radical de sexos.

Neste tipo de equipamentos dotacionais, escolas, hospitais, asilos, cárceres, etc... organízanse sempre diferenciando as naves destinadas a homes e as destinadas a mulleres de acordo cos valores e os costumes dominantes na época.

A organización actual do edificio segue a manter esa diferenciación decimonónica a pesar de terse procedido á subdivisión das grandes salas dormitorio en cuartos ou habitacións individuais ou dobres.

Xunto con este tipo de distinción, actualmente, as plantas baixas de ámbolos dous volumes laterais están destinadas a enfermería mentres que as plantas superiores se dedican a dormitorio.

[Distribución interna]
A distribución interior de cada un dos volumes laterais parte da división do mesmo en dúas partes:

Unha zona que sería a do volume pechado entre os grosos muros de carga perimetrais no que inicialmente se disporían as grandes salas-dormitorio colectivas tanto en planta baixa como en planta alta. Os grosos muros son perforados con altas ventás enfrontadas co obxecto de conseguir as condicións hixiénico-sanitarias precisas: a ventilación e o soleamento das grandes salas convértese nun obxectivo fundamental, así como a independencia de cada unha das salas co obxecto de illar posibles enfermos. Actualmente se organiza a través dun corredor lonxitudinal central de 28 metros de lonxitude e 1,50 metros de ancho ó longo do que se dispoñen a un lado e a outro dúas filas de cuartos/habitacións destinados a enfermería na planta baixa e dormitorios na planta alta.

Unha segunda zona especialmente significativa na proposta do asilo coruñés: unha gran galería acristalada de 28 metros de lonxitude, 2 metros de anchura e case 4 metros de altura en cada planta cobre toda a fachada sur de cada unha das alas. Estas enormes galerías situadas nas plantas baixa e primeira illan termicamente as salas destinadas a dormitorios, ó tempo que propician a creación dun espacio interior próximo e accesible directamente, no que os anciáns poden descansar, estar, e realizar pequenos paseos nos días de inverno ou cando a choiva impide a súa saída ó exterior. E todo esto sen impedir o soleamento e a ventilación dos cuartos interiores debido á súa gran altura de case 4 metros e o feito de ser totalmente acristalada. Atopámonos así ante unha peza excepcional da arquitectura coruñesa do século XIX: excepcional polo seu tamaño e dimensión (28 metros de lonxitude e 4 metros de altura con 27 módulos de ventás de guillotina en cada planta) superando as construídas no ano 1876 por Faustino Domínguez na Casa Batanero da Avenida da Mariña coruñesa que alcanzan os 24 metros de lonxitude con 20 ventanais de guillotina por planta.

Excepcionalmente pola súa tecnoloxía nestas grandes galerías, Juan de Ciórraga vai utilizar por primeira vez unha solución mixta de ferro fundido e de madeira. O ferro fundido faise presente nas esveltas columnas que na planta baixa marcan o ritmo da fachada cada 3 metros. A carpintería de madeira e vidro desprégase entre as columnas de ferro ó longo de tódalas plantas nunha modulación precisa de antepeitos e bastidores de guillotina.

A presencia dun arquitecto como Juan de Ciórraga explica as grandes galerías da fachada sur do asilo coruñés.

Impulsor decidido da súa xeneralización na paixase urbana e sempre aberto desde unha posición ecléctica á incorporación á 'arquitectura de autor' dun elemento extraído da 'arquitectura popular', Juan de Ciórraga, vai aproveitar esta gran oportunidade para introducir de xeito contundente a tradicional galería acristalada da mariña burguesa nun edificio dotacional destinado ós pobres e marxinados, un edificio que polo seu uso colectivo estaría máis próximo ós rexistros formais que caracterizan ós equipamentos dotacionais decimonónicos.

Fronte á austeridade e severo rigor formal e compositivo da fachada principal con fronte á rúa Adelaida Muro e orientada ó norte, Juan de Ciórraga desprega intelixentemente o dobre cerre que conforma a gran galería cubrindo a totalidade da fachada sur nas dúas alas destinadas a dormitorios. Deste xeito, conseguirá un aproveitamento óptimo das condicións de soleamento como fonte enerxética que favoreza un ambiente agradable para a poboación anciá residente no Asilo.

A través das grandes fiestras acristaladas abertas sobre a enseada do mar bravo do Orzán desprégase a última paixase que bañaría a retina de miles de homes e mulleres que desde as galerías esperaban a última chamada da natureza.

Seguramente, estamos ante a maior das galerías proxectadas e construídas por Juan de Ciórraga que non escatimou medios para dotar o Asilo dunhas condicións dignas. Sen lugar a dúbidas, as mellores condicións que moitos dos 'pobres desamparados' puideron soñar e desfrutar na súa existencia, nun tempo no que os excluídos carecían de todo dereito.

[Fachada principal: palacio para os pobres]
O edificio, co seu volume central e os dous laterais retranqueados adopta na súa fachada principal os referentes compositivos da arquitectura Georgiana desenvolvida en Inglaterra a fins do século XVIII e principios do XIX.

A longa fachada de 90 metros de lonxitude resólvea, Juan de Ciórraga, descompoñéndoa á maneira dos grandes palacios, do xeito que desde o século XVIII tiñan experimentado as ringleiras de casa georgianas nos 'squares' londinienses. Se contemplamos a fachada de calquera dos lados de Bedford Square podemos observar como a arquitectura residencial urbana adopta formas pacegas que coa utilización dun número reducido de elementos oculta unha simple e vulgar ringleira de vivendas adosadas. Tal sería o caso das 'Terraces' que se abren sobre os grandes xardíns e parques en moitas cidades inglesas. Un simple frontón no centro da fachada, un leve adiantamento no aliñamento correspondente ás vivendas centrais, unhas pilastras conseguidas a partir dun leve recrecemento no espesor do estuco, son recursos plásticos sinxelos, pero dun gran impacto visual.

Esta eficacia na utilización de recursos formais relativamente económicos sería unha das explicacións para a súa enorme difusión non só na arquitectura residencial urbana senón tamén nos edificios destinados a dotacións de carácter colectivo ó longo de todo o século XIX. Nese sentido, a fachada do Asilo coruñés sitúanos ante un tipo edificatorio único na cidade que conecta co máis ortodoxo da tradición arquitectónica decimonónica no que a equipamentos se refire.

Non se trata dunha proposta mecánica dun arquitecto filántropo ante a resolución dunha fachada dun edificio para marxinados sociais. As especiais características socioeconómicas dos seus potenciais usuarios non merecerían para moitos profesionais o máis mínimo esforzo disciplinar. Sen embargo, Juan de Ciórraga ofrece aquí unha actitude de honestidade resolta a partir de dous ou tres elementos dispostos dun xeito no que a súa eficacia queda probada polo posterior recoñecemento do edificio como un edificio singular.

Unha porta, tres tipos de ventá, unha potente cornixa e un frontón triangular compoñen a fachada dun gran palacio para os pobres.

O manexo deste elemento execútase coa hábil ruptura do volume en tres partes que interrompen a excesiva monotonía que tería un edificio de 90 metros de lonxitude.

En cada unha das partes dispóñense 9 ocos por planta resoltos cun tipo diferente de ventás na planta baixa e na primeira planta. Así, mentres as ventás da planta baixa abren á francesa e a súa menor altura dificulta o acceso desde a rúa, as da planta superior deslízanse á inglesa como consecuencia da súa gran altura, o que dará as condicións necesarias de ventilación e iluminación ós dormitorios situados na primeira planta.

O volume central e os dous laterais organízanse cunha composición dun eixo vertical de simetría que pon en evidencia elementos funcionais específicos: no corpo central a porta de acceso ó edificio; nos corpos laterais, o volume do corpo da escaleira.

Este volume da escaleira de comunicación entre as dúas plantas nas alas laterais adiántase tamén levemente rompendo a lonxitude de 28 metros, e ao tempo, con esta "manobra'', Ciórraga disimula a distinta posición das ventás que dan ao núcleo de escaleira, que se sitúan á altura dos forxados.

[A fachada posterior: a gran galería]
Se a fachada principal busca un certo grao de "monumentalización'' do edificio a partir do uso de elementos (frontón, pilastras, cornixas, molduras, etc...) e sistemas de composición (simetría, descomposición do volume, avance do corpo central, retranqueo das ás laterais, repetición do módulo, base, etc...) propios da arquitectura culta, na fachada posterior Juan de Ciórraga dá unha resposta contundente ao problema da iluminación e do illamento das grandes masas-dormitorios.

Este obxectivo conségueo Ciórraga a partir da utilización en toda a fachada sur dunha gran galería acristalada que se desprega a todo o longo do edificio dotándoo dunha gran fraxilidade e transparencia.

É a máis grande galería construída na cidade, e está xa introducida de pleno nun equipamento, aínda que todo hai que dicilo, nun equipamento dedicado á asistencia social.

[A primeira ampliación]
No ano 1933, Fermín Gutiérrez procede a realizar o levantamento topográfico do Termo municipal da Coruña.

Este documento. de grande interese na historia documental da urbe, amósanos xa a representación dunha realidade ben diferente á que dominaba a Península de Montealto a finais do XIX cando se iniciara a construcción do asilo.

As parcelacións de vivenda obreira ocupan a fronte das estradas de Orillamar, das estradas da Torre, da actual avenida de Hércules, as rúas de Adelaida Muro ou de Ángel Rebollo, son pequenos fragmentos que apoiándose sobre os vellos camiños rurais constitúen un dos referentes principais da cidade industrial: as periferias obreiras.

O asilo parece debuxado con precisión e iso é o que nos permite ver a importante ampliación de que foi obxecto no lado sur, unha ampliación controlada, seguramente, por Juan de Ciórraga que non morrería ata o ano 1931, á idade de 95 anos.

A lección do vello mestre arquitecto evidénciase nestas primeiras ampliacións nesa vontade de permanecer fiel ao tipo orixinal do edifico á hora de dispor os sucesivos engadidos, e que se van dispoñendo sen mermar as condicións de soleamento, ventilación e iluminación das ás leste e oeste, emprazándose na cabeceira sur do volume central.

E así aparece Ciórraga en toda a súa plenitude: o arquitecto que a partir do ano 1863 ocupara o cargo de arquitecto municipal e que desde o Concello pulara pola dignificación da escena urbana e o regulamento normativo das tradicionais galerías galegas, desprega en toda a fronte unha gran galería que cobre todo o testeiro do volume principal.

As ampliacións do asilo realizadas despois da morte de Juan de Ciórraga a mediados do século XX afectaron sobre todo á fachada sur. Locais destinados a servicios e cuartos fóronse engadindo progresivamente.

Co paso dos anos, a realización pouco afortunada de obras de peche no sur do predio pola amputación de parte da súa superficie para a construcción dunha gardería, a proliferación indiscriminada de improvisados cobertizos e galpóns, poñen de manifesto a ausencia de personaxes da talla disciplinar e da honestidade profesional de Juan de Ciórraga.

Estas adicións espúreas, facilmente recoñecibles e, polo tanto, facilmente subsanables foron creando unha barreira visual tras da que a boa arquitectura quedou oculta á mirada dos coruñeses.


Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.

principal presentación infravivenda asilo feáns prensa enlaces contacto