Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida nacéu en Vitoria no ano 1836. Realizóu os estudos de Matemáticas Especiais no Real Seminario de Vergara dende 1842 a 1845. Recibiu o título de bacharel en Filosofía no Instituto de 2ª Enseñanza da cidade de Vitoria en Xuño de 1852, ós 16 anos. Inicia os estudios de arquitectura en Madrid e acada, sendo alumno, o segundo premio de Arquitectura na Exposición Nacional de Belas Artes celebrada en Madrid en 1862. Remata a carreira aos 27 anos de idade, recibindo o título de Arquitecto pola Real Academia de Nobles Artes de San Fernando en Xuño de 1863.
Ó publicarse na "Gaceta de Madrid" en Xaneiro de 1863 o anuncio da provisión da plaza de Arquitecto Municipal da Coruña, vacante dende novembro de 1862 por xubilación de José María Noya, Juan de Ciorraga presenta a solicitude con data 4 de novembro de 1863. O concello coruñés acorda nomealo Arquitecto Municipal na sesión do 9 de novembro cunha dotación anual de 10.000 reais e unha gratificación anual de 6.000 reais pra gastos de escritorio e pago de delineante auxiliar. O 1 de Decembro de 1863 toma posesión do cargo.
Desde Decembro de 1863 até Xullo de 1890 exerce como arquitecto municipal, 27 anos nos que se producen importantes transformacións urbanas na cidade e nas que Juan de Ciórraga ten un protagonismo técnico fundamental.
Ós centos de informes relativos ós expedientes de solicitude de licencia de obras tramitadas ó longo destes 27 anos, hai que engadi-los traballos de carácter especificamente urbanístico referidos fundamentalmente a Proxectos de Alineacións e Ensanche da rede viaria interior da cidade, asi como os correspondentes proxectos de obras de urbanización (pavimentación, alcantarillados, enlousados,...) traballos que durante esta época se están a desenvolver con grande intensidade.
De todos eles é de destacar o proxecto de nova alineación da beirarrúa Sul de Rego de Auga (1869), operación urbanística de singular transcendencia na conformación da imaxe do borde da bahía.
Desde o propio trazado até o deseño dos soportais da Avenida da Mariña (1870) xunto coa dirección das obras de construccións da maioría dos edificios (1870-1884), incluso o posterior proxecto de enlousado (1876) están sometidos á supervisión e control técnico de Juan de Ciórraga.
Participou activamente no proceso de creación do Ensanche de Poboación sobre as vellas fortificacións da Pescaría, Campo de Carballo e Hortas de Garás, e é seu o primeiro trazado de rúas sobre o mesmo coñecido como "Plano do Anteproxecto de Ensanche de Poboación" (1878).
En 1890 Juan de Ciórraga presentou a renuncia ó cargo de Arquitecto Municipal, renuncia que foi aceptada pola Corporación na sesión do 7 de Xullo, sendo sustituído interinamente polo entón xa arquitecto Provincial, Faustino Domínguez Coumes-Gay.
A partires deste ano comezan a aparecer numerosos proxectos redactados pra particulares que até esta época eran escasos.
Estes proxectos respostan a dúas tipoloxías ben definidas: O edificio de vivendas situado no interior da estructura urbana existente (Pescaría, Cidade Vella), e nas áreas de crecimento dos barrios burgueses (Ensanche), ou as tipoloxías de vivendas obreiras nas zonas máis periféricas, próximas ós establecimentos industriais (Matadeiro, Torre, Monelos, Falperra,...).
Os edificios de vivendas proxectados por Juan de Ciórraga no interior da cidade teñen nas súas fachadas as galerías e miradores como elementos de composición fundamentais dacordo cos tipos xa consolidados e maioritariamente aceptados pola burguesía coruñesa da segunda metade do século XIX.
A súa arquitectura elaboura estes tipos incorporándolles toda unha serie de elementos herdeiros da cultura arquitectónica clásica submetidos ás reglas de ode, simetría, composición... propias da formación académica dos arquitectos.
Nas periferias a vivenda obreira foi un dos tipos de encargo que recebiu durante estes anos, destacando neste senso a urbanización do Campo de Artillería (1892).
Porén son poucos os edificios singulares nos que aparece a súa firma: se exceptuamos o Palco da Música, o Asilo de Anciáns e a antiga Praza de Touros, poucas máis obras deste carácter figuran no seu traballo.
Ciórraga, morreu na Coruña o 8 de Xullo de 1931 aos 95 anos, con el desaparecía o último dos arquitectos do século XIX coruñés, un século no que na Coruña se deu unha resposta técnica específica á difícil problemática do isolamento das vivendas nun medio de alta humidade ambiental.
A grande lección de Juan de Ciórraga foi a de saber adaptarse a un xeito específico de construi-la cidade sen renunciar ós principios académicos da sua formación de arquitecto.
Nas súas obras, as tradicionais e esencialmente constructivas galerías e miradores foron re-creados ó incorporar ó tipo base a variedade de recursos formais e compositivos que son propios dunha formación académica (pilastras, cresterías, ménsulas, molduras,...) que tiñan na historia da arquitectura clásica o banco de datos da sua inspiración.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.