Naceu na Coruña, en data que se ignora e finou en Madrid en xaneiro de 1892.
Distinguida dama coruñesa que estivo casada con D. José de Arévalo, tamén coruñés e home moi acaudalado. O nome de Dona Adelaida Muro, está moi vencellado á promoción e existencia dunha das institucións benéficas coruñesas de maior tradición na cidade: a "Residencia Asilo de las Hermanitas de los Ancianos Desamparados".
As "Hermanitas" foron fundadas o 27 de xaneiro de 1873 por unha monxa dunha vila da provincia de Lleida, Teresa de Jesús Jornet e Ibars, beatificada por Pío XII e canonizada por Paulo VI. Visitou en vida, por dúas veces, o Asilo da Coruña fundado en 1882 por cinco monxas chegadas con tal fin á nosa cidade, que contaba daquela con 36.000 habitantes.
O primeiro asilo foi instalado no número 9 da rúa Sinagoga, onde permaneceron dous meses, pois o local era completamente insuficiente, polo que se trasladaron á casa número 10 da mesma rúa, que tamén abandoaron ó cabo dun ano, pasando a se aloxar, cos seus anciáns, na casa número 18 da rúa do Parrote, que reunía mellores condicións que os locales anteriores.
A iniciativa de construir o actual edificio no que daquela se denominaba Monte Alto, débese a Dona María Fuentes, Viuda de Tojeiro, con quen colaboraron outras distinguidas damas coruñesas.
Os terreos foron adquiridos e posteriormente regalados por Don Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida, Dona Encarnación Armesto e os seus pais, Don Benigno Rebellón e os seus fillos Dona Felipa e Don Camilo Rodríguez Losada e por un labrador, gran amante da Institución, chamado Manuel Copeiro.
A primeira pedra foi colocada en agosto de 1888 e a construcción iniciouse en 1889, correspondendo a redacción dos planos e a dirección das obras ó señor Ciórraga, que desinteresadamente renuncióu ós seus honorarios en beneficio da Institución. Non obstante o traslado do Asilo a Adelaida Muro non se realizóu, ao parecer, até 1903.
En xaneiro de 1892 finóu en Madrid, a donde fora a residir, Dona Adelaida Muro, viúva xa, dende había algún tempo, de Don Juan de Arévalo. Aberto o seu testamento víuse que por él legaba á Coruña unha importante cantidade do total da súa fortuna. Ascendía dito legado á suma de dous millóns de pesetas, que terían de investirse na creación e sostimento de un asilo para pobres e anciáns desamparados, na nosa cidade, no cal se acollese cómoda e decentemente a cantos infelices vergoñantes o precisasen.
Daquela estábase a construir o actual edificio das "Hermanitas", os testamentarios de Dona Adelaida decidiron que o seu legado pasase á institución que entón sostiña o Establecemento, precariamente, coas caridades que o pobo coruñés facía ás relixiosas.
Deste xeito o legado de Adelaida Muro permitíu a continuación das obras e a ampliación do primitivo Proxecto, sosténdose, no sucesivo, os anciáns a conta da caridade da xenerosa doante.
Tres anos máis tarde, en 1985, o Asilo coruñés recibíu outro legado importante da Irmá política de Dona Adelaida Muro, Dona Elvira de Arévalo, falecida tamén en Madrid, que deixou ademáis outras importantes mandas ás Escolas Populares Gratuítas e ao Convento das Capuchinas. O resto da suma de 70.000 pesos, que era o total do que dispuxo para A Coruña, deixouno a beneficio do Concello.
A corporación municipal coruñesa, desexando corresponder ó xesto de munificencia posto de manifesto por Dona Adelaida Muro, decidíu, ó pouco do seu pasamento, da-lo seu nome a unha das ruas da cidade, a que principia na de Ramón del Cueto e remata na de Santa Teresa, na zona de Monte Alto, precisamente onde está ubicado o Asilo.
Por outra banda, os restos mortais de Dona Adelaida Muro e do seu esposo Don Juan de Arévalo e da súa Irmá Dona Elvira, foron trasladados ó novo edifício e alí repousan na cripta que existe tras do altar da capela, como proba de gratitude a quen tanto fixeron pola Institución.
Hoxendía residen e conviven na "Residencia de las Hermanitas de los Ancianos Desamparados" uns douscentos anciáns, 130 mulleres e 70 homes.
A financiación desta obra social non é tarefa fácil, pois os gastos son moitos. Os dous capítulos de ingresos máis importantes son as axudas e donativos dos 600 asociados ou benefactores oficiais con que conta a Institución, así como as subvencións da Diputación, o Concello e moi diversas entidades financeiras. É de destacar a axuda dalgunhas peñas coruñesas como as denominadas "O Lionardo", "Os de Mañá", "O cereixo", "O Zoco" e o modesto Clube de fútbol "Sporting Coruñés". Tamén se disputa tódolos anos o xa tradicional trofeo de fútbol "Moncho Rivera" que conta coa inestimable axuda de "Estrella Galicia", destinándose a recadación á tesourería do Asilo.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.